Novo conflicto entre as mariscadoras e a directiva do pósito rianxeiro

    mariscadorapraiatorre_27090.jpgRIANXO > As mariscadoras amosaron esta mañá o seu malestar porque os vehículos da confraría non as axudaron a trae-lo marisco a terra.

    As mariscadoras de Rianxo que faenan na praia da Torre atopáronse hoxe cunha desagradable sorpresa ó chegar a traballar. O tractor que habitualmente lles levaba os berberechos desde a praia ata a lonxa non lles ía vir axudar. As mulleres desanimáronse totalmente ó coñecer a noticia, pois ó esforzo de mariscar, tiñan que sumar levar rastro, capachos e capturas ata os coches, a máis de cincocentos metros do lugar no que faenan.

    Segundo as mariscadoras, todos os vehículos da confraría están parados, e aínda que a función principal do tractor sexa limpar os limos das praias, sempre lles axudou a traer as capturas a terra. Ademais aseguran que cando o tractor estaba ocupado mandábaselles a rancheira da confraría para que lles axudase. Ante esta situación, as máis de trinta mulleres que hoxe sairon a mariscar e, polo tanto afectadas pola decisión da Confraría de non deixar vir o tractor, decidiron non traer o berberecho capturado a terra, prefiren deixalo morrer na praia.

    Finalmente as mariscadoras da agrupación Virxe do Carme non tiveron que forzar esta medida tan drástica, xa que preto do mediodía a confraría de Rianxo mandoulles un coche para transportar o marisco. A esa hora a marea xa subira e facíase impracticable a baixada do coche á area, polo que os berberechos foron transportados por mar na lancha da confraría rianxeira. As mulleres queixanse de que ó chegar tan tarde á puxa, case non quedaban compradores e perderon cartos na venda do berberecho, que foi á baixa.

    Reunión de urxencia

    A confraría de Rianxo mantivo esta tarde unha reunión de urxencia para tentar solucionar o problema do tractor. Segundo o patrón maior este vehículo só o poden conducir os dous lonxeiros, que teñen outros labores asignados, e a presidenta da agrupación de mariscadoras, que nestes momentos se atopa de baixa laboral. Baltasar Rodríguez mantén que o tractor só se pode usar para tarefas de limpeza e polas persoas que están incluidas no seguro, os lonxeiros e a presidenta e que esta transportaba o marisco a maiores do seu traballo, pola súa propia vontade. Segundo o patrón maior o uso do camión por persoas non aseguradas pode acarrearlle unha multa á confraría de ata cento vinte mil euros como xa ocorreu noutra ocasión.

    Redacción Barbanza