Medio Ambiente renovará a rede de saneamento noiesa

depuraciontotalnoia_270907.jpgNOIA > O 100% das augas residuais que se produzan no municipio seran tratadas na depuradora no ano 2009.

Na xuntanza mantida en San Caetano o Conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, confirmoulle ó alcalde noiés, Rafael García Guerreiro, esta decisión do seu departamento autonómico, que permitirá o tratamento na depuradora municipal do 100% das augas residuais. A empresa Applus está a levar a cabo xa a redacción do proxecto para construír unha rede de colectores xerais en todo o municipio, coa que se pretende lograr que o 100% dos vertidos xerados sexan tratados na depuradora. Na actualidade, só un 30% das augas residuais son tratadas na planta, debido á insuficiencia dos bombeos existentes e a que algúns dos colectores non verten na propia EDAR. O proxecto que se está a redactar é o que especificará as actuacións que serán necesarias acometer, así como os prazos e a financiación das mesmas. Non obstante, as previsións da Consellería de Medio Ambiente pasan porque o proxecto estea rematado a finais deste ano e a obra sexa adxudicada o ano que vén, co cal entraría xa en funcionamento no 2009. A nova rede de colectores conectará coa estación de augas residuais, que entrou en funcionamento recentemente e que supuxo un investimento de máis de dous millóns trescentos mil euros. A estas actuacións hai que engadirlle tamén a construción dunha rede de saneamento na localidade por importe de máis de 357 mil euros, concluída este mesmo ano.

Máxima satisfacción

O alcalde noiés valorou moi positivamente o encontro, destacando que a actuación permitirá acada-la tan ansiada rexeneración da ría.

Redacción Barbanza