Piden dez mil metros cadrados de terreo para unha residencia

    amicos-1_270907.jpgRIBEIRA > AMICOS supedita a construción dun centro residencial para persoas con discapacidade á decisión dos comuneiros de Oleiros.

    Dende hai tempo a asociación AMICOS vén traballando na idea de levar a cabo a construción dunha residencia para as persoas con discapacidade psíquica. Con tal fin xa conseguira no ano 2003 a cesión por parte da Mancomunidade de Montes de Oleiros duns terreos de 2.000 metros cadrados. Agora a intención da entidade que preside María Esther Vidal é a ampliación deses terreos na zona de Canaveiro ós dez mil metros cadrados.

    O centro residencial, con capacidade para 80 prazas para persoas con discapacidade grave, no que se incluirían unidades de vivenda-fogar espaciosas e con amplas zonas verdes, permitiría un axeitado tratamento a estas persoas, garantíndolle un futuro cun mínimo de coidados e unha calidade de vida en condicións óptimas. Máxime cando a día de hoxe non existe ningún centro destas características na comarca.

    Comprensión veciñal

    Precisamente Felisa Piñeiro, nai dun posible usuario deste centro, solicitaba a comprensión dos veciños de Oleiros á hora de aceptar esta permuta, ó tempo que se facía a pregunta de que podería ser do seu fillo unha vez ela non estea.

    Contraprestacións

    Aínda así dende AMICOS sinálase que a cesión de terreos daríalle tamén importantes beneficios ós comuneiros de Oleiros como a prioridade na reserva e ocupación de prazas no futuro centro, unha aportación económica de 1.200 euros anuais en concepto de ocupación ou mesmo o compromiso de conseguir no menor espazo de tempo posible un terreo de iguais dimensións co obxectivo de permutalo.

    Redacción Barbanza