Padriños e afillados comparten Pascua a distancia

RIBEIRA> Este luns de Pascua pon o punto e final a unha semana santa atípica. A pesar do confinamento, padriños e madriñas non se esquecen dos seus afillados nesta data tan especial. E aínda que non lle puideron entregar persoalmente as tradicionais roscas ou ovos de Pascua, houbo quen o fixo por eles.

En tempos de crise é preciso reinventarse. Así o entenderon os propietarios da confitería Dominga, un negocio familiar con locais en Noia e Ribeira. Decidiron facer de intermediarios entre padriños e afillados nesta Pascua poñendo en marcha un servizo a domicilio para entrega de roscas, ovos ou calquera outro detalle con que poñer unha nota doce ó confinamento.

O éxito foi tal que esgotaron existencias e os repartos durante o domingo estendéronse por toda a comarca. Aínda teñen algunhas encargas pendentes coas que agardan cumprir ó longo da semana.

Así que os padriños que chegaron tarde teñen aínda unha oportunidade. Non poder saír de casa non é escusa suficiente para non agasallar ós afillados tal  e como manda a tradición.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí