Veciños de Sirves denuncian o risco de accidentes por mor dunha grúa

    gruasirves_100_021007.jpgRIBEIRA > Un veciño de Sirves denuncia a situación de inseguridade que está a padecer pola instalación dunha grúa nun almacén anexo á súa propiedade.

    A presenza dunha grúa de grandes dimensións, en total 32 metros de longo é o motivo de conflito entre os propietarios dunha empresa de materiais de construción, ubicada no lugar de Sirves, na parroquia ribeiresa de Olveira, e os propietarios das fincas e vivendas dos arredores.

    Segundo denuncia un dos afectados, José Juan Pérez Lobera, hai máis de cinco anos que a grúa está a operar transportando todo tipo de materiais por riba das fincas, e mesmo da estrada, sen ningún tipo de mecanismo de seguridade. A súa actividade, din os afectados, supón un grave risco de accidentes.

    Tras un longo e infrutuoso proceso, para chegar a unha conciliación cos propietarios da empresa, José Juan Pérez Lobera iniciou as accións legais oportunas, co fin de que a grúa sexa retirada ou ben que deixe de invadir a súa propiedade. O veciño afectado tamén puxo a súa situación en coñecemento do concello quen, ata o momento, non ten emitido resposta algunha.

    Á espera dunha resolución xudicial favorable, os veciños afectados agardan que as súas reivindicacións sexan tomadas en serio polas administracións responsables e que se adopten medidas cautelares co fin de evitar posibles accidentes.

    Redacción Barbanza