O concello de Ribeira reactiva o expediente para a compra de Cerqueira

RIBEIRA> O concello de Ribeira vén de reactivar o expediente para a compra da antiga nave de Cerqueira. A pesar de que o anterior goberno anunciara a súa inminente adquisición, o expediente carecía de varios informes e non contaba co acordo plenario para aprobar a operación que ascendía a medio millón de euros.

Dous días antes da moción de censura, o goberno saínte anunciaba o acordo coa conserveira Cerqueira para a compra da antiga nave emprazada en Bandourrío. Sen embargo, a nova alcaldesa atopouse cun expediente apenas iniciado. Carecía do informe vinculante do Patrimonio e a solicitude de ocupación do dominio público marítimo terrestre fora tramitada ante a Demarcación de Costas do Estado, organismo que xa non conta con competencias en materia de ordenación do litoral tralo traspaso á Xunta.

Así mesmo, a alcaldesa advertiu que a compra require dun acordo plenario por exceder do dez por cento dos recursos do concello polo que é imprescindible o respaldo da corporación para autorizar o investimento.

A pesar dos erros detectados no expediente, o actual goberno xa formulou a solicitude de concesión, pendente de resposta, e xa conta co informe favorable de Patrimonio. O obxectivo é darlle máxima prioridade para evitar a perda dos fondos europeos vinculados á compra e acondicionamento desta nave, enmarcada nun ambicioso proxecto para a recuperación integral do barrio de Bandourrío.