Os mariñeiros de Aguiño valoran a creación dunha reserva mariña en Couso

    reunionaguinho_100_031007.jpgRIBEIRA > Os mariñeiros da confraría de Aguiño asistiron na tarde do martes a unha charla informativa sobre as posibilidades de creación dunha reserva mariña, …

    … a cargo de dous especialistas do grupo de pesquerías da Universidade da Coruña. Os expertos expuxeron as vantaxes que ofrece a explotación sostible dos recursos marisqueiros tan abundantes nesta zona.

    Esta charla informativa constitúe o primeiro paso para a creación dunha reserva mariña protexida nas augas de Punta Couso, en Aguiño. Polo momento, tratouse dunha primeira toma de contacto na que dous especialistas da Universidade da Coruña expuxeron ante os membros do pósito aguiñense, as posibilidades que ofrece a explotación sostible dos recursos, en especial dalgunhas especies que están indo á baixa, como é o caso das centolas, nécoras ou ourizos.

      Como modelo para a posible posta en marcha dunha área protexida en augas ribeiresas, o pósito conta coa reserva dos Miñarzos, xestionada pola Confraría de Lira e a Consellería de Pesca. Esta constitúe un exemplo perfecto de desenvolvemento sostible, fomentando a protección do medio ambiente e dos recursos naturais. 

    Tras esta primeira charla, os mariñeiros teñen previsto manter diversas reunións para analiza-la viabilidade da posta en marcha dunha reserva, incluída na rede autonómica de áreas protexidas e mesmo teñen previsto un encontro cos responsables da confraría de Lira para coñecer máis a fondo o modelo de xestión dos Miñarzos.

     Ó mesmo tempo que se contribúe a dinamiza-lo sector pesqueiro limitando a sobreexplotación, a creación dunha reserva protexida podería botar atrás unha serie de proxectos, como a creación dunha macrodepuradora ou a posta en marcha dunha piscifactoría, que ameazan a riqueza marisqueira da zona de Couso.