Maceiras Rivas solicitará a través de Arousa Norte a reapertura da Vía Rápida

    trficopobra_041007.jpgPOBRA > O executivo pobrés saíu hoxe ó paso das críticas realizadas polo BNG polos problemas de tráfico .

    O rexedor pobrés sinalou que unha das súas principais preocupacións é a reapertura da vía rápida do Barbanza o máis axiña posible ou aínda que sexa por tramos, de cara á Semana Santa, data na que a afluencia de turistas pode colapsar aínda máis os cascos urbanos dos principais concellos da comarca. Maceiras Rivas pensa que é preciso transmitir esta inquedanza á Conselleira de Política Territorial por mediación da Mancomunidade de Municipios, polo que pensa incluir este punto no próximo pleno de Arousa Norte.

    Isaac Maceiras lémbralle ademais a Rosana Pérez que os maiores problemas de tráfico son os ocasionados polo paso de camións pesados polo centro urbano para acceder ó polígono. Precisamente un dos puntos máis conflitivos atópase no cruce dos semáforos, un lugar no que os nacionalistas propoñían a construción dunha rotonda. Dende o executivo local negan que esta sexa a mellor opción.

    Mellora sinalización

    Ademais das medidas xa realizadas, a Policía Local vai a levar a cabo unha serie de accións que veñan a paliar na medida do posible este problema. Así prevese entre outras propostas a instalación de nova sinalización.

    Tamén informou de que está a espera de que a empresa responsable dos semáforos mande un técnico para facer un novo estudo de tempos para o semáforo do cruce da rúa da Paz coa Díaz de Rábago, unha vez comprobada a intensidade do tráfico en cada sentido. O Xefe da Policía Local pobresa anunciou tamén que está a espera de que un responsable de Estradas visite a localidade para ve-la posibilidade de mellora-la seguridade vial na AC-305, reducindo a velocidade nalgún tramo e así poder pintar varios pasos de peóns que foron solicitados polos veciños.

    Redacción Barbanza