A comunidade educativa do Brea Segade sae á rúa polo mal estado do colexio e a falla de profesorado

RIANXO> Tal e como anunciaran no seu día, a Asociación de Nais e Pais de Alumnos do colexio Brea Segade de Taragoña, realizou, ás portas do centro educativo, unha concentración na que participaron máis dun cento de persoas, entre pais, profesores e os propios alumnos,e a que se sumaron tamén representantes dos distintos grupos na corporación municipal, entre os que se atopaba tamén o alcalde, Julián Bustelo.

Con berros e pancartas nas que podían lerse lemas como ‘Non á masificación das aulas’ ou ‘Por unha educación digna’ quixeron denunciar a pasividade da consellería de Educación, que non atende as súas solicitudes.

A primeira delas polo deficiente estado das instalacións educativas, polo que reclaman unha reforma integral do colexio.

Outra das súas queixas garda relación coa falla de profesorado. Solicitan unha mestra de Audición e Linguaxe a tempo completo no centro para unha adecuada atención do alumnado con necesidades especiais e o desdobre da aula de terceiro de primaria.

Pero a de onte non será a última protesta. Este xoves está convocada unha nova mobilización en Rianxo. Será as doce da mañá dende a rotonda do recheo e nela tomarán parte, de xeito conxunto, as tres comunidades educativas do municipio. Ademais da do colexio Brea Segade participarán tamén a do Castelao e a do Ana María Diéguez de Asados.