A Deputación financiará parte da mellora do campo de fútbol de Outes

OUTES> O presidente da Deputación realizou esta mañá unha visita institucional ó concello de Outes.

Ás portas da casa consistorial agardábano representantes dos distintos grupos municipais que integran a corporación municipal, co alcalde á cabeza, Manuel González, así como as deputadas, Sol Vázquez e Mar García.

O motivo da visita non era outro que asinar co rexedor o convenio de colaboración que permitirá a ampliación e renovación do céspede artificial no campo de fútbol municipal do Conchido.

Ademais de renovar o terreo de xogo, en algo máis de 2 metros de ancho e longo, instalaranse unhas novas varandas e tamén un sistema de rego e drenaxe perimetral para o seu adecuado mantemento.

O orzamento da actuación achégase ós 300 mil euros, dos que o organismo provincial aportará algo máis do 50%.

Durante a visita ás instalacións, o rexedor outense agradeceu o apoio económico da Deputación, xa que sen esta achega, o Concello, por si só, non podería acometela.

O presidente provincial tivo tempo tamén de visitar a casa de Cultura, onde se van realizar obras financiadas a través do Plan Único cun investimento de máis de 30 mil euros, que incluirán ademais de accións de mantemento do exterior do edificio, a reforma do auditorio interior para gañar en visibilidade e comodidade do público.

O alcalde aproveitou tamén a visita do presidente da Deputación para trasladarlle tamén colabpración para pdoer executar o proxecto de humanización da rúa da Vila.

Na visita Valentín González Formoso destacou a importancia que ten para moitos concellos da provincia coma o de Outes o Plan Único, que lles permite poder executar obras e melloras de servizos que doutro xeito non poderían levar a cabo

A achega provincial prevista para o municipio este ano ascende a preto dun millón de euros, pero dende a súa creación foron xa máis de 6,5 millóns de euros de investimento por parte da institución provincial.