A ABE considera viables as alternativas do concello para reubicar o mercadiño

    xuntanzamercadioboiro_081007.jpgBOIRO > O conflito entre o concello e os vendedores ambulantes xurdido polo cambio de ubicación dos postos de venda semella estar aínda lonxe da súa fin.

    Agora son os comerciantes do municipio os que se acaban de posicionar do lado do executivo local posto que entenden que os emprazamentos ofrecidos ós feriantes constitúen unha boa alternativa para celebrar o mercadiño con normalidade.

    A Asociación Boiresa de Empresarios convocou ós socios pertencentes ó sector do comercio a unha xuntanza para analizar a problemática xurdida en relación ó cambio de lugar do mercadiño municipal que se viña celebrando os martes na Avenida da Constitución por mor do peche da vía rápida.

    A gran maioría dos comerciantes adheridos á ABE non respaldan as propostas dos vendedores ambulantes posto que consideran que os emprazamentos alternativos ofrfecidos polo concello para a ubicación do mercado, tanto a Avenida de Avellaneda como o parque da Cachada, reúnen as condicións necesarias para realiza-la venda ambulante.

    Manifestación

    Segundo expresou o presidente dos empresarios boireses, Luís Ángel González Maceiras, a patronal é partidaria de que se siga a celebrar o mercadiño en Boiro pero sempre e cando non supoña un colapso para a localidade. Colapso, precisamente, que podería volver a repetirse posto que os vendedores ambulantes teñen previsto levar a cabo novas manifestcións.

    Para minimiza-los efectos das concentracións sobre a circulación, o alcalde e o tenente alcalde boirés, Xosé Deira e Xoán Xesús Ares, xa mantiveron unha xuntanza cos reponables da Policía Local e da Garda Civil para a posta en marcha dun dispositivo de seguridade.