En marcha as obras de acondicionamento do edificio da UAD de Ribeira

RIBEIRA> A actuación, que está a realizar a empresa Obras y Viales de Galicia, conta cun investimento de máis de 361 mil euros. A obra está subvencionada en virtude dun convenio de colaboración asinado polo Concello co Instituto Galego de Vivenda e Solo.

A pasada semana iniciábanse as obras de acondicionamento do edificio da Unidade de Asistencia a Drogodependentes, a UAD. Trátase dunha actuación moi agardada, xa que o edificio, con máis de corenta anos de antigüidade, presentaba unha serie de deficiencias que urxía solucionar.

Para poder acometer a obra, cun orzamento de máis de 361 mil euros, o Concello botou man dunha subvención do Instituto Galego de Vivenda e Solo para o acceso ó fondo de cooperación para o apoio e financiamento de actuacións e rehabilitación e conservación de patrimonio construído en concellos de menos de 50 mil habitantes.

Entre outras cuestións, o proxecto de rehabilitación permitirá levar a cabo a substitución da cuberta, a reparación  das gretas da fachada e o revestimento exterior do edificio co sistema SATE para mellorar as súas condicións térmicas. Tamén se substituirá a carpintería exterior e se instalará un ascensor panorámico.

Dende o Concello confían en que a actuación se desenvolva coa maior das celeridades para que poida entrar en funcionamento a primeiros de ano.

Segundo o alcalde esta actuación é só un exemplo máis do grande esforzo inversor que está a realizar o Concello  nestes momentos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí