O Ferrer Hotels M3T faise cos nacionais de duatlón contrarreloxo por equipos e relevos

    BOIRO> Na competición, celebrada esta pasada fin de semana, participaron máis de dous mil deportistas chegados duns cincocentos equipos de diferentes localidades españolas. Nun circuito habilitado para a ocasión en pleno casco urbano, que comprendía carreiras a pé pola rúa Pablo Iglesias, a zona de transición na Cachada, a bici pola avenida de Compostela e a liña de meta na propia praza do Concello, esta fin de semana, na xornada do sábado e do domingo, desenvolvéronse as probas dos campionatos de España de duatlón contrarreloxo por equipos e de relevos. Na competición, organizada pola Federación Española de Triatlón en colaboración co Concello, participaron máis de dous mil deportistas, sumando tódalas categorías, chegados de duns 500 clubs de toda España. O equipo balear Ferrer Hotels M3T foi o gran vencedor, ó impoñerse tanto nas probas de relevos de onte domingo como nas de contrarreloxo por equipos do sábado, en categoría élite masculina e feminina. En mulleres o Triatlón Clavería de Móstoles foi segundo por diante do equipo tamén madrileño de Diablillos Rivas. En homes por detrás do Ferrer Hotels M3T en segundo lugar quedou o Cidade Lugo Fluvial e de terceiros o Kafewake. Na categoría open o Clavería Móstoles levouse o ouro feminino, por diante do Ecosport Triatlón Alcobendas e o Diablillos Rivas. Na proba masculina o vencedor foi o Montilla Córdoba Triatlón, por diante do Diablillos Rivas e o Adsevilla Clínica Cariñanos. En canto ó Campionato de España Escolar Femenino de relevos a vitoria foi para o Cidade Lugo Fluvial, seguido do Saltoki Trikideak e do Náutico de Narón, mentres que en categoría masculina a proba foi para o Stadium Casablanca Almozara 2000, por diante do Tripuçol e o Triatlón Las Rozas. Dende o Concello destacaron o éxito de participación e organización das probas que foron seguidas durante toda a fin de semana por unha gran cantidade de público. Aínda así non foron todo parabéns, e moitos veciños queixáronse dos restritivos controis existentes, xa que o casco urbano estivo prácticamente cortado ó tráfico durante os dous días.