Ánxela Franco mantén que Vivenda construirá o polígono industrial no Son

anxelafranco_101007.jpgPORTO DO SON > A voceira do grupo municipal non adscrito do Son, Ánxela Franco, informou de que Vivenda si construirá o polígono industrial no concello.

Ánxela Franco referiuse á intervención do director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Daniel Pino, que o pasado 20 de setembro anunciaba a falta de viabilidade do polígono industrial previsto para O Son no Plan Sectorial de 2004, pola falla de demanda, a escasa superficie e a existencia de xacementos afectados por Patrimonio.

Sen embargo, segundo declarou a voceira do grupo municipal non adscrito de Porto do Son, isto non significa que non se vaia construír o polígono no municipio, senón que é preciso elaborar un novo proxecto coas modificacións oportunas. Franco Pouso foi aínda máis aló, ratificando o compromiso da Conselleira de Vivenda, Tareixa Táboas, de dotar ó concello sonense dun parque empresarial.

Críticas

Ánxela Franco amosouse moi crítica co ex-alcalde socialista, Ramón Quintáns, posto que a pesar de coñece-las observacións realizadas dende a Consellería de Vivenda non iniciou a modificación do proxecto.

Reproches tamén para o Partido Popular, que actualmente ostenta a alcaldía do concello, por non ter amosado interese neste proxecto durante a súa etapa na oposición.

Sexa cal sexa a ubicación do futuro polígono, a concelleira sonense, compormeteuse a informar primeiro ós veciños que poidan resultar afectados así como ós empresarios da localidade.

Concentración parcelaria

Neste sentido referiuse ó núcleo de Nebra, onde a pesar de estar previsto o proxecto inicial, os veciños soamente recibiron información a través da prensa. Segundo anunciou a delegada provincial de Medio Rural, Olga García Agra, vaise iniciar proximamente a concentración parcelaria deste núcleo cunha inversión superior ó millón de euros.

Redacción Barbanza