A POBRA> Esta mañá inaugurábase na casa de cultura ‘Raquel Fernández Soler’ da Pobra a exposición de fotografía ‘Madagascar: a illa única’ de Elena Aycart. A mostra, que poderá visitarse ata o seis de xaneiro, permite ó visitante poder adentrarse na riqueza natural e paisaxística desta illa pertencente ó continente africano.
As persoas que se acheguen estes días ata a casa de cultura ‘Raquel Fernández Soler’ da Pobra quedarán verdadeiramente fascinados coa beleza das fotografías que alí se expoñen. Trátase da mostra ‘Madagascar: a illa única’. A exposición que se estrea na localidade é froito do traballo fotográfico realizado por Elena Aycart durante unha viaxe á illa africana realizada a finais de 2019 da man da Sociedade Xeográfica Española e de Emma Lira, redactora de guías para Lonely Planet e colaboradora da National Geographic. Segundo explicou a propia autora, nada en Madrid, aínda que actualmente asentada a cabalo entre a Pobra e Suecia, o que se busca transmitir a través destas imaxes é a realidade deste pais, tan descoñecido para a maioría de nós.
Ademais da propia autora, na inauguración da exposición tomaron parte as edís de Cultura, Patricia Lojo, e Servizos Sociais, Amparo Cerecedo, que destacaron a espectacularidade das fotografías realizadas.
A exposición permanecerá aberta ó público ata o vindeiro seis de xaneiro. Podéndose realizar de luns a venres, en horario de dez a unha polas mañás e de cinco a oito polas tardes, seguindo as medidas implantadas por mor da covid.