Novo paso adiante para a declarar ben de Interese Cultural a casa de Castelao

    RIANXO > A Consellería de Cultura dará dez días de prazo ó herdeiro da casa de Castelao para presenta-las alegacións que considere pertinentes en contra da declaración do inmoble como Ben de Interese Cultural.

    Dase un paso máis no longo camiño iniciado polo concello rianxeiro e a Consellería de Cultura para declara-la casa de Castelao ubicada na rúa do Medio coma Ben de Interese Cultural.

    Esta declaración permitirá que a vivenda teña un especial coidado, realizándose un importante proxecto de conservación, ó tempo que se promocionará e se lle dará maior difusión ó legado deixado polo senlleiro escritor rianxeiro.

    Como non podía ser doutro xeito o alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro, amosou a súa satisfacción pola nova. Segundo el unha vez que este trámite estea resolto, deberá realizarse un inventario de tódolos enseres cos que conta o inmoble para adecenta-lo edificio e convertelo nun museo aberto ó público.

    O rexedor rianxeiro tamén sinalou que este mesmo ano, dende o goberno local levaron a pleno e aprobaron co voto favorable do PSOE e o BNG a modificación puntual das normas subsidiarias para expropia-las casas familiares de Castelao, Dieste e Manuel Antonio.

    Neste momento, segundo el, o trámite está en fase de exposición pública e unha vez que se resolvan as alegacións aprobarase de forma provisional polo concello e trasladarase a Urbanismo para recibi-la súa aprobación definitiva.

    Redacción Barbanza