BOIRO> O concello de Boiro celebrará o 25 N centrándose na prevención da violencia dixital. Ademais do acto institucional do martes, estanse a desenvolver programas de intervención en sexualidade e saúde mental nos centros educativos.
O acto institucional para conmemorar o 25 N en Boiro dará comezo ás 11 da mañá coa apertura dunha exposición na entrada da casa consistorial que posteriormente realizará un percorrido polos centros sociais de todo o municipio. Darase lectura a un manifesto e posteriormente haberá unha sesión de micro aberto onde os escolares presentarán as creacións dun obradoiro musical.
Ademais dos actos do propio martes 25, ó longo de todo o mes estanse a desenvolver actividades de concienciación en colaboración con centros de ensino centradas na violencia dixital.
Tamén as entidades sociais participan activamente na programación como o caso do colectivo Turbina que realizará un flashmob e varias intervencións a pé de rúa. Ademais, as instalacións municipais tinguiranse de violeta durante esta xornada reivindicativa.











