![]()
RIBEIRA > Pesca informou á confraría de pescadores de Ribeira da inminente publicación no DOG da concesión para as máquinas clasificadoras do reló.
As concesións nas que traballan os mariscadores ribeireses caracterízanse pola abundancia do reló, un molusco que ata o de agora reportaba importantes ingresos ó pósito de Santa Uxía. Sen embargo, a detección de elevadas cantidades de chumbo no marisco obrigou á prohibición da venda daqueles exemplares superiores ós catro centímetros polo risco sanitario que supoñían.
A falta de máquinas clasificadoras que garanten o tamaño máximo permitido fixo que os produtores ribeireses deixasen de extraer este produto, coas consecuentes perdas económicas.
Tras meses de xestións, a directiva do pósito ve agora cumpridos os seus obxectivos coa axuda autonómica para a adquisición das clasificadoras, que agardan que non se demoren máis aló do mes de setembro.
Os mariscadores de Ribeira agardan que o reló siga acadando unha alta cotización en lonxa, co fin de compensar a baixada na produción posto que o marisco de maior tamaño non poderá ser comercializado.
Redacción Barbanza









