14 marcas presentan as últimas novidades na Feira do Automóbil Híbrido e Eléctrico de Ribeira

RIBEIRA> Catorce marcas de automoción presentarán as súas novidades na V Feira do Automóbil Híbrido e Eléctrico de Ribeira. O salón abría as súas portas esta mañá coa presenza de numerosas autoridades que destacaron a importancia desta feira única en toda a comarca.

Dende hoxe e ata o domingo, aqueles que se pasen pola praza de España de Ribeira poden coñecer as últimas novidades no sector da automoción. Esta mañá abría as súas portas a Feira do Automóbil Híbrido e Eléctrico que organiza a asociación de empresarios, con importantes novidades para premiar ós visitantes.

A feira ribeirense consolidouse nesta quinta edición como unha das máis importantes no sector con 14 firmas participantes. Dende o concello destacaron o pulo dinamizador que supón para a economía local acoller un evento destas características.

Ademais do concello, o evento conta coa colaboración da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia que reafirman así a súa aposta pola transición ecolóxica nun dos sectores con máis peso na economía galega.

A feira permanecerá aberta ata o domingo, en horario ininterrompido de once da mañá ás oito da tarde.