![]()
POBRA > O museo Valle-Inclán acolleu un novo acto dos enmarcados dentro da IX edición das xornadas dedicadas ó autor de Luces de Bohemia.
Un bo número de persoas acudiu este pasado sábado pola noite ata o auditorio do museo Valle-Inclán para participar nun novo acto dos programados dende a dirección do museo pobrés co gallo de homenaxea-la figura do ilustre escritor arousán, coincidindo ademais co XXVI aniversario da apertura do centro museístico. Entre os presentes atopábanse o propio alcalde pobrés, Isaac Maceiras, e a concelleira de Cultura, Encarnación González, así como tamén Joaquín del Valle-Inclán, neto do escritor, moi vencellado á vila pobresa. Nesta ocasión os actos estiveron divididos en dúas partes. En primeiro lugar desenvolveuse unha lectura pública do epistolario que mantivo durante anos Valle-Inclán con Manuel Azaña, presidente da II República. Os encargados de dar lecturas ás distintas cartas foron Ana Blanco, poeta e vicepresidenta da Fundación Rosalía de Castro, e Anxo Quintela, xornalista da Radio Galega. No acto tamén se deron a coñecer por primeira vez, e grazas a colaboración da familia do escritor, dúas cartas inéditas de Azaña a Valle-Inclán.
‘O Valle republicano’
A segunda parte dos actos consistía na representación, da peza teatral “O Valle republicano”, unha dramatización baseada na correspondencia do escritor e a máis dunha escolma de textos literarios da súa autoría. Trátase dunha creación orixinal do coñecido director e actor Roberto Leal, interpretada por el mesmo en compañía da actriz Rebeca Montero. Esta peza teatral foi composta para ser estreada con ocasión destas Xornadas de homenaxe a Valle, propoñendo un achegamento á unha das etapas biográficas, cidadás e creativas do intelectual arousán menos coñecidas polo público, a través dun percorrido que foi mesmo escenificado polas propias salas do Museo.
Redacción Barbanza









