Traballadores e usuarios demandan un cuarto xulgado para Ribeira

    RIBEIRA> A pesar das reiteradas demandas dos traballadores, Ribeira non contará cun novo xulgado. A decisión do Ministerio causou malestar non só entre os profesionais senón tamén entre os propios cidadáns que denuncian o colapso da sede xudicial ante a falla de persoal suficiente. O partido xudicial de Ribeira dá servizo a case toda a comarca do Barbanza situándose en quinto lugar en canto a carga de traballo de toda a provincia. Así as cousas, os traballadores levan tempo demandando un cuarto xulgado para a capital do Barbanza. Sen embargo, o Ministerio non plantexa esta ampliación a curto prazo. A decisión non só afecta ós funcionarios e traballadores da sede xudicial senón tamén ós propios cidadáns que consideran que debería dotarse de máis medios e persoal para poñer fin ó colapso da xustiza. Os xulgados ribeirenses foron construídos coa vista posta en futuras ampliacións. Dispoñen dunha planta baleira que podería dar cabida á cuarta sala polo que o investimento para poñela en marcha non sería demasiado alto. Sen embargo, haberá que agardar a que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza determine a necesidade deste novo xulgado. Algo que non debería demorarse demasiado tendo en conta as estatísticas sobre o número de casos que asume Ribeira en comparación con outras sedes xudiciais galegas.