Estudantes irlandeses de intercambio aprenden en Catoira a preparar pratos da gastronomía galega

CATOIRA> En Catoira, un grupo de estudantes irlandeses aprendeu hoxe a preparar polbo á feira, empanada e tortilla. Son alumnos dun programa de intercambio que viñeron pasar unha semana no Colexio Progreso da localidade. Despois de aprender algo da nosa gastronomía, tamén a probaron.

Detrás de tanta boa gastronomía galega hai talento irlandés: o deste grupo de mozos de intercambio que viñeron pasar unha semana a Catoira. Hoxe no colexio Progreso tocou aprender a preparar un bo menú da terra, vexan senón o que prepararon: tortilla de pataca, polbo á feira e empanada.

E ó contrario do que nos ocorre a nós, a eles non lles acabou de entusiasma-lo polbo, un prato sen dúbida que pode resultar un tanto pintoresco se un non é galego. Segundo recoñeceron o que máis lles prestou foi a tortilla e a empanada.

As cociñeiras do centro foron as encargadas de darlle ós rapaces irlandeses tódalas claves dun bo xantar galego. Seica os mozos puxeron hoxe moito interese. Ademais, os alumnos do propio colexio botaron unha man. Din que a experiencia de recibir na súa casa ós mozos irlandeses é algo único.

En dúas semanas os mozos de Catoira devolverán a visita. Pasarán unha semana en Irlanda, na casa dos alumnos de intercambio. De seguro, que tamén aprenderán, e mesmo cociñarán, moitas cousas novas.