O Museo apraza a construción do soto baixo a Leña e prioriza a rehabilitación dos dous edificios históricos

PONTEVEDRA> Cambio de plans na rehabilitación do Museo Provincial. A falta de compromisos firmes doutras administracións para financiar o proxecto e a incorporación do convento de Santa Clara levan á Deputación a replantexar o futuro do conxunto. O goberno provincial abordará xa a rehabilitación dos edificios García Flórez e Castro Monteagudo, pero apraza a conexión soterrada baixo a Praza da Leña co edificio Fernández López.

A falta de compromiso de financiamento doutras administracións e a incorporación do convento de Santa Clara ao Museo Provincial fai que a Deputación replantexe o escenario da rehabilitación do conxunto.

Polo de momento, aprázase a creación dun gran soto baixo a Praza da Leña que uniría o edificio Fernández López co Castro Monteagudo e o García Flórez. Unha proposta polémica que o goberno provincial defende.

Esta intervención quedará para unha segunda fase, pero o que ten claro o goberno provincial é que non poden agardar máis. Por iso xa traballan nun proxecto de rehabilitación para o García Flórez e o Castro Monteagudo.

Segundo os plans iniciais, O Castro Monteagudo habilitarase como espazo didáctico, mentres que García Flórez prepararase para acoller exposicións puntuais.

O que si queda suspendido polo de momento é a construción dun edificio para Arqueoloxía en Valdecorvos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí