DELOA fai un balance positivo do proxecto PRODER II

    plenodeloa_100_301007.jpgDODRO> Esta mañá tivo lugar no Pazo de Lestrove en Dodro o pleno comarcal da Agrupación Deloa do proxecto Equal II. A iniciativa, do Fondo Social Europeo, …

    … veu desenvolvéndose nos dous últimos anos nas comarcas do Barbanza e do Sar, co obxectivo de impulsa-lo sector do turismo rural nesta zona. Nel colaboran os concellos de Rianxo, Boiro, Ribeira, Padrón e Rois, así como tamén UXT Galicia, Caixanova e a Fundación Paideia Galiza .

    Despois de dous anos o proxecto Deloa-Equal II chega ó seu fin. Esta mañá aproveitouse o pleno comarcal da entidade para facer un pequeno balance das accións levadas a cabo neste tempo no que se desenvolveu o proxecto que tivo como principal finalidade o impulso do turismo e a hostalería rural, tratando de crear fórmulas innovadoras de cara a captación dun turismo non estacional, de calidade, sostible e diversificado.

    Paquetes vacacionais

    Boa parte do traballo levado a cabo estivo centrado na creación dos ‘paquetes vacacionais’, unha iniciativa pioneira no mundo do turismo rural que permite ofertar aloxamento, actividades de ocio e transporte coma un paquete turístico integrado. Durante o acto os asistentes puideron ver tres vídeos que exemplificaban perfectamente esta práctica que ten en marcha a agrupación Deloa a través da denominada ‘Deloarede’, creando opcións de escapadas de varios días nos que o visitante pode disfrutar de alternativas de ocio, cultura, paisaxe e mesmo gastronomía nesta zona.

    Outra das peculiaridades da iniciativa responde a un traballo en rede de tódolos actores implicados, co emprego das novas tecnoloxías que permitirán que o interesado poida realizar reservas on line deses paquetes turísticos a través da rede.

    Resultados

    O alcalde de Rianxo e presidente da Agrupación Deloa, Pedro Piñeiro, destacou a importancia do proxecto e os resultados obtidos nestes dous últimos anos. A presidenta da Fundación Paideia Galiza, Rosalía Mera, destacou que iniciativas como a desenvolvida nestas dúas comarcas, Sar e Barbanza, non veñen máis que a mellora-las capacidades do territorio, con perspectivas que a curto ou medio prazo poden ser un atractivo para os mercados nacional e europeo.

    No acto tamén particiou unha delegación formada por unhas 20 persoas chegadas dende Extramadura integrantes da Agrupación Alba Plata Equal, coa que a Agrupación Deloa compartiu experiencias durante estes dous anos que durou o Equal II.

    Nova etapa

    A partir de agora ábrese unha nova etapa para Deloa, que en boa medida estará condicionada pola solicitude de novos plans de fondos europeos que posibiliten poñer en marcha novos proxectos de investigación e acción de desenvolvemento local, dirixidos fundamentalmente á revitalización económica, social e cultural das comarcas do Barbanza e do Sar.

    Redacción Barbanza