RIBEIRA> O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou esta mañá o futuro Punto de Encontro Familiar de Ribeira. A finalidade da visita non era outra que anunciar a adxudicación das obras de acondicionamento da futura instalación.
A Xunta vén de adxudicar por un importe duns 128 mil euros as obras de acondicionamento dos locais que acollerán o futuro Punto de Encontro Familiar de Ribeira, emprazado na zona de Fontán. A capital barbanzá converterase así no oitavo concello galego, despois das sete cidades, en contar con este servizo dirixido a familias con proxenitores separadas ou en trámites de separación.
O alcalde, Manuel Ruíz, agradeceu a posta en marcha deste servizo tan necesario para o municipio e tamén por extensión para toda a comarca do Barbanza que evitará a moitas familiar os desprazamentos.
Neste punto disporán dun espazo para reunirse cos fillos e contarán con servizo de orientación e asesoramento nas cuestións relativas á tutela dos menores. O novo punto de encontro dará servizo a familias de tódolos concellos da comarca. Funcionará sete días á semana e contará cunha media de seis traballadores.