O concello de Dodro demanda a mellora dos accesos a Manselle

    accesomanselle_100_301007.jpg

    DODRO> As obras de conversión da vía autonómica do Barbanza en autovía están a provocar nalgúns concellos da zona importantes problemas de accesibilidade. Un exemplo desta situación vívena os veciños do lugar de Manselle, …

    … no concello de Dodro, que para poder acceder ás súas vivendas deben atravesar diariamente un tunel de escasas dimensións e polas que apenas circula un vehículo.

    Este túnel é o principal acceso á aldea de Manselle. Como se pode ver na foto, apenas cabe un vehículo. O seu ancho e a súa altura provocan que por el non poidan circular vehículos de gran tamaño como pode ser un camión ou un autobús, ou mesmo unha ambulancia que no caso dunha urxencia deberá empregar outro acceso secundario, co seu conseguinte retraso.

    Peticións á Consellería

    A necesidade de buscarlle unha solución ó problema fixo que a corporación municipal levase a pleno unha iniciativa que foi refrendada polos tres grupos con representación no concello: PSOE, BNG e PP, e que lle será remitida á Consellería de Política Territorial. Para o portavoz do PP, Valentín Somoza, a situación actual representa un grave prexuízo para os veciños desta aldea.

    O tenente-alcalde e portavoz do BNG, Anxo Franco, fixo referencia á idoneidade de acometer esta mellora agora, ó atoparse a estrada pechada ó tráfico. Este segundo el non é o único problema de mala accesibilidade polas obras da autovía que existe no municipio, dándose máis casos, aínda que si o máis grave.

    Entre as demandas que solicitan a Política Territorial figura que se anchee o actual túnel o que permita a circulación en dobre sentido e se cree unha nova alternativa de acceso á aldea que facilite o paso de vehículos de maior tamaño.

    Redacción Barbanza