A pesar do incendio Congalsa continúa coa produción

    delegadocongalsa_100_311007.jpgPOBRA > O delegado da Consellería de Industria visitou esta tarde as instalacións de Congalsa, cuxa nave resultou calcinada o pasado xoves.

    Unha semana despois do suceso, a imaxe que podemos ver da nave de Congalsa sinistrada é totalmente desoladora. As láminas da estrutura exterior están totalmente destrozadas, así como tamén boa parte das máquinas que se ubican no seu interior, que aínda non foron retiradas a espera de que os peritos das empresas aseguradoras rematen coas valoracións de danos. Un signo evidente das altas temperaturas rexistradas durante o incendio. Na súa visita o delegado provincial da Consellería de Innovación e Industria, Xosé Luís Barcia, puido constatar todo isto, interesándose ademais polos plans de futuro da empresa, asentada xa nos mercados nacional e internacional.

    Liña de axudas

    Xosé Luís Barcia sinalou ademais que a Consellería de Innovación e Industria tentará na medida do posible colaborar coa empresa na tramitación de axudas que veñan un pouco a palia-los importantes danos causados durante o incendio.

    Balance de danos

    O director xeral de Congalsa, Luís Simarro, que estivo acompañando ó delegado de Industria na súa visita, xunto con outros responsables da empresa, fixo unha valoración aproximada dos danos, cifrándoos ó redor de 20 millóns de euros. Ademais referiuse ó interese da dirección da firma en todo momento por non para-la producción, mantendo a totalidade dos postos de traballo.

     Redacción Barbanza