Veciños de Rianxo demandan a implantación do programa HADO no municipio

RIANXO> Na actualidade, é un dos poucos concellos da área sanitaria que non conta con este servizo esencial para mellorar a calidade de vida dos pacientes.

A pesar de que tanto o hospital do Barbanza como de Santiago dispoñen de unidades de hospitalización a domicilio, o concello de Rianxo non conta con este servizo. A Consellería esgrimiu no seu día criterios territoriais para a súa implantación; algo que os afectados non entenden posto que os concellos limítrofes si son beneficiarios do HADO.

O colectivo de afectados iniciou unha campaña de recollida de sinaturas para demandar ó SERGAS a inclusión nos programas de HADO, retomando unha iniciativa iniciada por unha veciña hai xa cinco anos.

Á espera de ter unha resposta, agardan que a administración autonómica sexa sensible ás súas demandas posto que Rianxo conta cun gran número de potenciais usuarios deste servizo alternativo á hospitalización convencional.

Confían en non ter que agardar, para contar con este servizo, ata 2023, ano en que a Xunta prevé ter implantado a HADO en toda Galicia.

Na súa demanda, este grupo de veciños non está só. O concello leva anos solicitando ante a Xunta de Galicia a inclusión de Rianxo neste programa, non só a través de acordos plenarios senón tamén con iniciativas no Parlamento de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí