A duración da veda do polbo enfronta ás confrarías galegas

    RIBEIRA> División no seo da Federación Galega de Confrarías sobre a duración da veda do polbo. Os pósitos realizarán consultas entre os seus socios para trasladar ás propostas á Consellería do Mar. Mentres nalgunhas agrupación, como Muros, son partidarios de alongar o paro noutras, como Ribeira, piden que non dure máis dun mes. O pasado ano a veda do polbo, iniciada o quince de maio, prolongouse durante mes e medio. Tempo máis que suficiente para a confraría de Ribeira na que preto dun cento de embarcacións dependen desta especie. Cunha veda moi prolongada deberían dedicarse a outras artes sobreexplotando outros recursos ó tempo que asumen o risco da perda do mercado do polbo. Pola contra, outros pósitos como Muros apostan por alongar esta parada ata catro meses co fin de permitir a recuperación deste recurso que nos últimos anos vén escaseando pola demora do desove da especie. Ante a diferenza de posturas amosada nunha mesa de traballo sobre a xestión do polbo pola Consellería do Mar, as distintas confrarías deberán preguntar ós socios pola súa postura. Unha vez realizadas as consultas trasladaranllas á administración que deberá decidir a duración da veda.