Goiáns volverá converterse no epicentro comarcal das Letras Galegas

    BOIRO> A asociación Cultural Barbantia e o concello de Boiro volven colaborar na organización da Romaría das Letras que se celebrará o día 17 no pazo de Goiáns. Concertos, recitais, obradoiros, presentacións de libros ou exposición sucederanse durante toda a xornada festiva. A Romaría das Letras, que alcanza este ano a súa sétima edición, consolídase xa como un referente comarcal na celebración do Día das Letras Galegas. Dende as once da mañá, a finca de Goiáns acollerá todo tipo de actividades tentando recuperar o carácter de romaría tradicional nun encontro dirixido a tódolos públicos. Os nenos disfrutarán dos xogos tradicionais e dos espectáculos infantís. Haberá tamén exhibicións de música e baile tradicional. A partir das catro da tarde terá lugar a presentación de dous libros e unha exposición fotográfica sobre Carlos Casares, escritor homenaxeado nesta data. O peche da romaría correrá a cargo de Davide Salvado que ofrecerá un concerto a partir das oito e media da tarde e a banda de música de Boiro. O concello volve colaborar economicamente coa organización desta cita cultural promovida por Barbantia. A achega municipal ascende ós trece mil euros que se suman á loxística para o desenvolvemento do evento que cada ano atrae a centos de visitantes de toda a comarca.