…Acción! comeza mañá en Boiro con novas actividades complementarias

    accion_100_011107.jpgBOIRO> O venres arranca en Boiro o Festival de Cinema Novo …Acción!. Con esta mostra audiovisual o concello boirés continua co seu apoio institucional ós novos creadores, pois …Acción! é

    … unha parte máis do proxecto Leña Verde, no que o concello leva impulsando a creatividade da xente nova dende hai xa oito anos.

    A pesar da súa curta vida, catro anos, o Festival de Cinema Novo …Acción! ten xa un gran recoñecemento en toda Galicia, pois por el xa pasaron novos autores no seu día e que hoxe son profesionais do audiovisual galego, como Luis Avilés, Jairo Iglesias ou Omar Rabuñal.

    Audiovisual comprometido

    Pero …Acción! tamén se caracteriza pola importancia que lle da ó eido social, pois ademais de gravar diferentes procesos sociais que ocorren en Boiro para que non se perdan na memoria, fai tamén un audiovisual comprometido co ciclo Nada sobre nós sen nós, en colaboración con AMBAR. Desde esta asociación, que xa leva tres anos participando en …Acción! amosanse realmente sorprendidos coa acollida que o cinema social está tendo entre a poboación.

    En Nada sobre nós sen nós este ano os espectadores poderán ver un total de dezaseis curtametraxes de temática social, nas que o importante non é a calidade, senón a mensaxe que tentan facer chegar ó espectador. Desde AMBAR este ano tiveron que facer unha ardua tarefa de selección para elexir as mellores cintas, que chegan desde toda España e mesmo de Brasil e China. A proxeccións de Nada sobre nós sen nós serán o sábado a partir das sete da tarde na Casa do Concello de Boiro.

    Programación Complementaria

    Pero …Acción! xa arranca mañá, coa proxección a partir das nove da noite dos traballos das escolas galegas de Imaxe e Son na Casa da Cultura. Ademais, a celebración do certame trae consigo outras actividades complementarias, como a actuación do dúo RYC con Susi de Agoraphobia a continuación das curtas na propia Casa da Cultura ou concertos en diferentes pubs da localidade. Por iso, o responsable do festival, Alberto Pouso, da empresa Fungo, anima á xente a que se achegue ata Boiro para gozar con …Acción!.

    Redacción Barbanza