Ribeira ultima os trámites para formar parte do Eixo Atlántico

    ribeiraeixoatlantico.jpgRIBEIRA > A cidade de Ribeira recibiu o visto bo da comisión executiva do Eixo Atlántico para pasar a formar parte desta agrupación transfronteriza.

    O Eixo Atlántico tomou esta decisión na súa última reunión celebrada en Vigo. A incorporación da capital do Barbanza pecha a lista de cidades do litoral na agrupación.

    O seguinte paso que debe dar Ribeira para a súa plena adhesión ó Eixo Atlántico é a ratificación en pleno, así como fixar ós interlocutores que representarán á cidade nas reunións preparatorias do programa da agrupación transfronteriza para o vindeiro ano e das candidaturas para os fondos comunitarios. A cidade barbanzá levaba dous meses arranxando os trámites necesarios para entrar a formar parte do Eixo.

    Intereses comúns

    A finalidade principal do Eixo Atlántico é o desenvolvemento económico, social, cultural, tecnolóxico e científico das cidades e rexións que o conforman, así como promover a cohesión en todos os aspectos socioeconómicos e culturais mediante a vertebración dun territorio común.

    Ribeira, ó pasar a formar parte desta agrupación, loitará por intereses comúns para a zona con outras cidades da franxa atlántica como A Coruña, Braga, Ferrol, Porto, Vilagarcía ou Vilanova de Gaia, entre outras.

    Para o alcalde de Ribeira, Xosé Luis Torres Colomer, a globalización da economía, favorecida pola liberalización do comercio a escala mundial e polos avances nas comunicacións, produce a necesidade de acordos internacionais entre distintas administracións, para unha mellor defensa dos intereses comúns.

    Ademais, destacou os lazos que unen a Galicia co Norte de Portugal e que fan desta área xeográfica unha unidade específica dentro da Unión Europea, así como o tradicional tráfico marítimo entre Ribeira e Vigo e con varios portos portugueses. Torres Colomer indicou que, nesta liña de artellar redes de colaboración entre concellos, o Eixo Atlántico é unha iniciativa de gran valor. Por iso considera moi importante poder unirse a este organismo e traballar na construcción dunha Europa de progreso e solidaria.

    {flowplayer}ribeiraeixoatlantico.flv{/flowplayer}

    Redacción Barbanza