RIANXO> O éxito da primeira edición da Andaina Solidaria da Asociación de Trastornos do Espectro Autista do Barbanza – BarbanTEA celebrada o pasado ano en Boiro, levou a esta asociación a volver a organizala.
Coa intención de manter un carácter rotatorio, a súa celebración terá lugar esta vez en Rianxo, o vindeiro domingo 6 de abril.
Partirá ás dez da mañá dende a praza da Virxe da Guadalupe para realizar un percorrido polo paseo marítimo duns cinco quilómetros de nivel sinxelo.
As inscricións na proba poden realizarse na web de emesports, ou ben no propio servizo municipal de Deportes.
O obxectivo deste evento é dar a coñecer o trastorno do espectro autista e favorecer a inclusión das persoas que presentan esta condición como parte activa e enriquecedora da sociedade.
Ademais, durante os días previos a esta andaina, levaranse a cabo diferentes actividades formativas e divulgativas orientadas ós clubs deportivos do municipio, entidades asociativas e ó conxunto da veciñanza.











