BOIRO> A Mancomunidade de Municipios Arousa Norte celebrou un pleno este mediodía para oficializar o traspaso de poderes entre o alcalde de Rianxo e o da Pobra. Xosé Lois Piñeiro asumirá ó longo de todo o ano a presidencia do ente comarcal.
Ademais do cambio da presidencia, o primeiro pleno do ano serviu para planificar a estratexia de traballo e de financiamento de Arousa Norte para o 2018. A xerencia da mancomunidade e a xunta directiva valoraron a sinatura dun convenio coa Axencia Galega de Turismo así como a liña de axudas da Deputación da Coruña, posto que supoñen dúas importantes vías de financiamento para desenvolver os proxectos que cada ano pon en marcha a entidade.
Entre eles, destacan as accións de promoción da oferta turística non só no territorio nacional senón tamén en feiras e salóns internacionais que terán continuidade este ano. A ampliación da oferta turística tamén segue a centrar os obxectivos da mancomunidade con proxectos como a Senda Litoral Arousa Norte que vén completar por terra a ruta marítimo fluvial da traslatio que conmemora a translación dos restos do apóstolo Santiago.
Durante a xuntanza, a xerente da Mancomunidade procedeu tamén a dar conta das accións realizadas nos últimos meses como a presentación de ‘Arousa Norte, paraíso atopado’ en Fitur, a participación no festival de curtas Alberto Romero, o trail series Arousa Norte ou o éxito de iniciativas como o circuíto ‘Catro Carreiras’ e o certame Máis que tapas. A este respecto, Maruxa Ledo anunciou a intención de amosar as catro tapas gañadoras deste concurso na feira gastronómica Xantar 2018 que se celebra a finais deste mes en Ourense.