Exitosa primeira xornada do mercadiño na zona de Avellaneda

    mercadinho_100_061107.jpgBOIRO > O mercadiño ambulante retomou a súa actividade tras sete semanas de parón motivado polo cambio de ubicación dos postos.

    Despois de chegar a un acordo co executivo local para a redución das taxas, os vendedores ambulantes volveron instalar os seus postos en Boiro. Estreaban así o novo emprazamento proposto polo concello na rúa de Avellaneda.

    Dende que o executivo decidira trasladar o mercadiño da avenida de Constitución por mor do peche da vía rápida, hai xa sete semanas, non se desenvolveu a venda ambulante no municipio posto que os vendedores non estaban de acordo coas alternativas ofertadas.

    Finalmente, tras unha conflitiva negociación, decidiron instalarse en Avellaneda a cambio dunha sustanciosa redución de taxas por parte do concello. Ata finais de 2008, só terán que aboar a metade do que viñan pagando ata agora e a partir de entón aplicarase unha redución do 35 por cento nos impostos, ata que se acorde unha nova ubicación. Aínda así, a maior parte dos comerciantes non están de acordo coa medida e consideran moi negativo o cambio de ubicación do mercado.

    Diversidade de opinións

    Todo o contrario acontece cos compradores. A maioría coincide en apoiar este novo emprazamento posto que é máis amplo e moito máis cómodo. Sen embargo, hai quen non está tan satisfeito co cambio.

    Á marxe da diversidade de opinións existente na rúa, certo é que o tránsito de clientes foi constante durante toda a mañá no novo mercadiño. Isto é positivo para os comerciantes que precisarán dun incremento das vendas para recuperarse deste longo periodo de inactividade.

    {flowplayer}barbanza/mercadinho.flv{/flowplayer}

    Redacción Barbanza