![]()
SANXENXO > Seguen as desavenencias entre veciños e Concello no tocante ó proxecto de seguridade viaria na PO-504 …
… O último capítulo produciuse onte nunha asemblea convocada pola plataforma e á que tamén acudiu a alcaldesa.
As intervencións do colectivo non gustaron á rexedora que acabou índose da reunión. Non se sacou nada en claro da reunión que celebrou onte a Plataforma pola seguridade viaria da PO-504 para explicar ós veciños o anteproxecto elaborado polo Concello de Sanxenxo. Só os desencontros que existen entre a directiva deste colectivo e o goberno local.
Á xuntanza acudiu a alcaldesa Catalina González acompañada de gran parte do seu equipo de goberno, co ánimo de explicar o proxecto. A directiva da plataforma reprochoulle o incumprimento de prazos, reunións solicitadas e non concedidas. A alcaldesa brindou a colaboración municipal para tramitar calquera suxestión ó borrador do proxecto, pero as intervencións que lle seguiron por parte do avogado da plataforma Evaristo Estévez, non gustaron á rexedora, que acabou abandonando a asemblea celebrada no centro cultural de Vilalonga.
Na reunión xuntáronse medio cento de veciños, que deixaron constancia da disparidade de opinións que hai en torno a este proxecto. A directiva acordou convocar para o domingo, ás once da mañá unha nova asemblea e xestionan a presencia dun técnico en obras e camiños para que os oriente.
Redacción Salnés







