Caride anuncia que a vía rápida estará totalmente operativa a partir de xullo

    carideautovia_300_071107.jpgBARBANZA > A conselleira de Política Territorial anunciou en Boiro a apertura do primeiro tramo da vía rápida, entre Dodro e Rianxo, a partir de marzo.

    A conselleira de Política Territorial, María José Caride, visitou este mércores as obras de conversión da vía rápida do Barbanza en autovía. Ademais desta comprobación a pé de obra, a titular de Obras Públicas mantivo sendas xuntanzas cos alcaldes dos municipios afectados polas obras e con representantes do sector empresarial da comarca.

    A declaración máis esperada por todos era, sen dúbida, a relativa ós prazos de apertura da autovía para a circulación de vehículos. Todos os tramos agora pechados estarán abertos antes do 1 de xullo de 2008.

    A partir de marzo abrirase ó tráfico, o treito entre Padrón e Rianxo, mentres que en maio entrará en servizo o tramo de Rianxo a Boiro. Así mesmo, fíxase como data límite o primeiro de xullo para ter operativo todo o trazado que se atopa cortado na actualidade. 

    Aínda que estes tramos entren en funcionamento, a vía seguirá en obras ata xaneiro de 2009, cando está previsto que rematen oficialmente, polo que se seguirá extremando a precaución e así se lle fará saber ós conductores, que circularán xa pola autovía.

    Bo ritmo

    A día de hoxe as obras de conversión da vía rápida en autovía están xa moi avanzadas, evolucionan a moi bo ritmo, con 45 dos 51 pasos inferiores coas estruturas case rematadas e con 18 dos 29 pasos superiores en diferentes graos de execución. O 90% das canalizacións para o drenaxe e evacuación de auga están xa concluidas e dos viadutos que conleva a obra, xa se completaron os traballos de demolición do de Lampón, quedando pendente a demolición dos de Té e Cespón. E dos 10 de nova construcción, seis están practicamente finalizados.

    Despois de pouco máis dun ano de obras, realizouse xa a escavación en desmonte do 91% do total e 75% do recheo en terraplén. O falso tunel de Dodro está tamén case rematado, pendente so de acabar de cubrilo con terra.

    Mellora da mobilidade

    Grazas a reunión que María José Caride mantivo cos alcaldes de Arousa Norte, Dodro e Padrón e con representantes das asociacións empresariais da bisbarra, coñeceu de primeira man os problemas que o peche ó tráfico da vía rápida está a ocasionar.

    Entre eles, a conselleira de Política Territorial destacou a modificación dunha rotonda na Pobra para mellorar a mobilidade do tráfico pesado solicitada polo alcalde pobrés e asegurou que xa vai ser avaliado polos técnicos da Consellería. A titular de Obras Públicas amosou a vontade do seu departamento para tentar mellorar a mobilidade dos barbanzáns. 

    Xosé Deira, en representación dos alcaldes da bisbarra, agradeceu a María Xosé Caride a preocupación amosada polos problemas que o peche da vía rápida puidera ocasionar ós diferentes concellos.

    Anteriormente a esta xuntanza con alcaldes e empresarios, a conselleira de Política Territorial comprobou en primeira persoa o ritmo ó que marchan as obras de conversión da vía rápida en autovía. Foi neste emprazamento, na propia actuación, onde María José Caride explicou porque non se pudo manter a vía rápida aberta ó tráfico simultaneamente á execución das obras. 

    Minimiza-lo risco

    O obxectivo primordial da interrupción do tráfico é minimizar os riscos tanto para os conductores como para os traballadores. Segundo dixo a conselleira, “foi imprescindible” limitar o acceso dos vehículos para acometer diversos traballos na calzada, como a demolición e construción de novos viadutos e falsos túneles e a elevación ou o rebaixe da actual rasante da calzada en varios treitos para adaptala á rasante que terá a futura autovía, entre outros. O que se tentou en todo momento foi conciliar as necesidades de mobilidade dos veciños da bisbarra coas necesidades de execución da obra.

    Cando as obras estén rematadas, a comarca do Barbanza disporá dunha infraestrutura de comunicación axeitada ó volume de tráfico que soporta e con todas as garantías de seguridade.

    En todas as súas intervencións María Xosé Caride insistiu en lamentar os prexuizos que se podan estar ocasionando ós veciños do Barbanza, Padrón e Dodro, pero lembrou que é polo ben de todos e que co peche o que se busca é acurtar prazos para que se produzan menos problemas. Pero en vista do bo ritmo que levan as obras, os prazos de interrupción do tráfico na vía tamén serán acurtados, pois dos 19 previstos inicialmente, rebaixaronse a trece.

    {flowplayer}barbanza/carideautovia.flv{/flowplayer}

    Redacción Barbanza