BARBANZA> A Consellería do Mar e as federacións de confrarías traballan no deseño do plan de explotación do polbo na busca dunha xestión máis eficiente e sostible do recurso. Estudan a ampliación do período de veda ata catro meses, dous deles subvencionados.
No marco das xuntanzas mensuais que veñen mantendo os representantes da confrarías galegas co director xeral de Pesca, na última reunión celebrada en Burela abordáronse diversas cuestións para avanzar no plan de xestión do polbo. O obxectivo é elaborar un borrador que recolla os meses de parada da actividade extractiva, número de nasas autorizadas, topes de captura e outros aspectos técnicos.
Os cambios no comportamento desta especie implican necesariamente modificacións no plan de xestión para garantir a súa recuperación e unha pescaría rendible para os profesionais.
Haberá que agardar ós informes científicos para determinar finalmente os meses e a duración da veda co fin de realizar os axustes necesarios para unha mellor xestión do recurso.











