A POBRA> A Pobra acollerá a asemblea anual de comuneiros de toda Galicia. Entre os puntos a tratar figuran dous de especial relevancia: a tramitación da nova Lei de Montes que pretende aprobar a Xunta e as alegacións presentadas ó proxecto da planta de macrocelulosa en Palas de Rei.
Representantes dunhas oitenta comunidades de montes de toda Galicia daranse cita este sábado na Pobra para participar na asemblea xeral de comuneiros que dará comezo ás 10 da mañá no teatro Elma. Na orde do día figuran temas de vital interese para o sector como a nova Lei de Montes que pretende aprobar a Xunta de Galicia. Unha norma polémica posto que os comuneiros entenden que abre a porta á privatización dos montes veciñais ó eliminar a súa condición de imprescriptibilidade.
Tamén de dará conta durante a asemblea das alegacións presentadas polo organización galega de comuneiros á macrocelulosa textil que Altri pretende desenvovler nas Terras da Ulloa. A entidade oponse frontalmente a este proxecto pola súa reprercusión nas explotacións agrogandeiras da zona que verán reducida a súa capacidade produtiva levando ó peche a moitas delas coa consecuente perda de poboación no rural.
Outros puntos a tratar son a ilegalidade do cobro do IBI ás comunidades de montes por parte dalgúns concellos e a presentación dun informe sobre montes veciñais que está a piques de ser publicado.











