Lousame aproba un novo Plan de Igualdade ata 2024

LOUSAME> A pesar das restricións derivadas do estado de alarma, o concello de Lousame continua moi comprometido coa igualdade. Os integrantes da Mesa Local de Coordinación fronte a violencia de xénero mantiveron unha xuntanza por videoconferencia para analizar os programas de prevención que están en marcha.

A  concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, presidiu a sétima reunión da Mesa Local fronte á violencia de xénero de Lousame. Na xuntanza, celebrada por videoconferencia, presentouse o programa ‘Lousame Coeduca’ que vai desenvolver o concello en colaboración co colexio Cernadas de Castro subvencionado pola Secretaría Xeral de Igualdade. Trátase dunha serie de actividades de sensibilización, dirixidas ó alumnado de entre tres e dezaseis anos, que buscan promover a igualdade e mellorar a convivencia ó tempo que se desbotan os estereotipos de xénero.

O programa comezará unha vez superadas as restricións actuais por mor do coronavirus.  Os máis pequenos, de infantil a quinto de primaria, desenvovlerán obradoiros sobre corresponsabilidade familiar, educación emocional ou visualización das mulleres da súa contorna. Os alumnos de sexto de primaria e Secundaria traballarán sobre a erradicación dos estereotipos e da violencia de xénero mediante o cine, o teatro, o baile e a radio. Tamén se abordará a resolución pacífica dos conflitos.

Por outra banda, a concelleira informou sobre as últimas actuacións desenvolvidas polo seu departamento entre as que destacan a participación na campaña ‘Estamos Contigo, do Ministerio de Igualdade co fin de facilitar información sobre os recursos contra a violencia de xénero durante o confinamento dirixidos a mulleres que precisen asesoramento ou atención piscolóxica.

Silvia Agrafojo informou tamén da recente aprobación do terceiro Plan de Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres 2020-2024. esta nova edición do plan busca garantir unha atención integral ás vítimas e sensibilizar á cidadanía. A mesa volverá reunirse transcorridos seis meses para analizar o desenvolvemento do plan.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí