A Cantarela reparte 700 racións na súa Festa dos Cogomelos

cogomelos100_121107.jpgVILAGARCÍA > A asociación A Cantarela continúa celebrando o seu Outono Micolóxico. Onte púxose detrás dos fogóns …

… para cociñar os cogomelos e conseguiu xuntar un bo número de comensais na praza da Peixería. Celebrábase a décimo sexta edición da Festa dos Cogomelos.

Din os expertos que neste Outono a falta de choivas nos está a deixar case sen os productos típicos desta época do ano. É o caso dos cogomelos. Sen embargo, en Vilagarcía, a asociación A Cantarela fixo o posible para celebrar, unha edición máis, e xa son 16, a festa gastronómica dedicada ás setas.

A organización serviu ata setecentas racións, que foi preparando en base a cinco receitas diferentes. Houbo setas con arroz, con fabas e chourizo, en empanada, con garavanzos e atún e, como novidade, envoltas en filloa e acompañadas de lagostinos e bechamel ou nata. Unha oferta culinaria excelente que non deixou indiferentes ós centos de comensais que se achegaron durante a mañá do domingo á Praza da Peixería.

Tamén tivo éxito o concurso de cociña, que vai pola edición número 24. Bateuse o récord de participación con 17 pratos, que mesturaron os cogomelos con sardiñas, touciño, rape, fabada montañesa, cordeiro ou salpicón. Os premiados foron, na categoría de salados: Ana Enrique Gómez cuns ‘Mexillóns vikingos’, Xosé Ramón Gómez cunha ‘Costela lalinense’ e Rubén García cun ‘Txangurro con boletus edulis’. En canto ós doces con setas, os gañadores foron Candy Bispo Vigo, cun ‘Flan de cantharellus’, e Rubén García cuns ‘Bombóns de chocolate’.

Redacción Salnés