300 corredores confirman o éxito da III Clásica do Albariño Viña Almirante

PORTAS> Os corredores de primeira liña elevan o nivel da Clásica do Albariño Viña Almirante. A terceira edición axustouse ás expectativas da categoría absoluta masculina, con Nuno Costa, Alejandro Fernández e Lolo Penas ocupando o podio. A pesares das malas previsións meteorolóxicas, a proba reuniu a preto de 300 corredores.

A Clásica do Albariño Viña Almirante convertiu Portas nun bulideiro de xente. O epicentro foron as instalacións da Adega Viña Almirante, que volveu apostar polo deporte coa organización desta cita.

As malas previsións meteorolóxicas afectaron á baixa participación amateur, pero non ás categorías absolutas. Na masculina cumpríronse os pronósticos, e os favoritos fixéronse coa vitoria, repetindo os resultados da fin de semana anterior no Campionato Galego de Media Maratón.

Na categoría feminina, Paula Mayobre logrou facerse coa vitoria, seguida de María Jesús Gestido e Rocío Alvite. Isto nas categorías absolutas, pero a Clásica do Albariño Viña Almirante non deixa de lado o resto, converténdose nunha proba perfecta para corredores de todas as idades.

Con estes nomes propios do deporte en Galicia, o espectáculo estivo garantido, e deixou aos organizadores con gañas de volver no 2019.

Concello de Portas e Deputación de Pontevedra celebraron que unha empresa privada como Viña Almirante dea o paso de organizar este tipo de eventos, que fomentan o deporte entre persoas de todas as idades.

O que está claro é que esta terceira edición serviu para consolidar a Clásica do Albariño Viña Almirante como unha proba marcada en vermello no calendario deportivo galego, e como unha xornada festiva para os veciños de Portas e dos arredores.