CAMBADOS> Dos traballadores autónomos, os do mar son dos que sofren peores condicións. Así o asegura o colectivo UPTA, que quere abrir as opcións de reinserción laboral para os mariñeiros que queden no paro. A organización está a buscar a colaboración das administracións para poñer en marcha un plan que axude á recualificación laboral destes desempregados. Unha iniciativa que xa conta co apoio de Cambados, Vilagarcía, A Illa e O Grove, e que agarda sumar á Deputación de Pontevedra.
Os traballadores do sector do mar que quedan en paro teñen máis dificultades para atopar outro emprego. Cando menos, iso ven de asegurar UPTA, colectivo que apunta á baixa cualificación como o primeiro obstáculo que teñen que superar. Por iso queren poñer en marcha un plan de recualificación que os prepare para mudar de sector.
O emprego por conta allea non é a única opción. Dende UPTA tamén queren formar aos mariñeiros para que coñezan as posibilidades do autoemprego, asesorando aos que se lancen con esta opción para evitar os negocios á desesperada.
A UPTA busca agora o apoio das administracións. Vilagarcía, A Illa, O Grove e Cambados xa comunicaron o seu interese neste programa. Non en van, na vila cambadesa 120 mariñeiros quedaron sen traballo no que vai de ano.
O programa arrancaría o vindeiro ano, prolongaríase durante dous e podería beneficiar ao redor de 500 mariñeiros de toda a provincia. Precisamente por este carácter provincial, UPTA busca apoio e financiamento da Deputación. A intención é que unha parte do plan se financie co Fondo Europeo de Adaptación á Globalización.
{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/10outubro/15/plan_reinsercion_marineiros.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/10outubro/15/plan_reinsercion_marineiros.mp4{/flowplayer}