![]()
A ILLA > O goberno local de A Illa de Arousa decidiu financiar o custe total do "Noitebús" ata que remate o ano.
O éxito do servizo que ata agora subvencionaba a Consellería de Política Territorial, foi o principal motivo polo que o executivo local quixo continuar prestando este transporte ós mozos, que lle custará ó concello preto duns 3.000 euros.
Os mozos da Illa de Arousa poderán seguir viaxando gratis ata os lugares da movida nocturna máis populares coma Cambados, Portonovo ou Sanxenxo. Dende o sábado pasado ata o vindeiro ano,o concello vai a asumir o custe do transporte, que valoran nuns 2.700 euros. E é que durante as 16 semanas que durou o programa posto en marcha pola Xunta, os mozos do concello da Illa foron os que máis empregaron este transporte, non só na provincia de Pontevedra, senón tamén en toda Galicia. As dúas liñas de autobús que partían da localidade arousá sempre saíron cheas.
Dende o Concello din que na súa decisión tamén pesou o interese pola seguridades dos mozos, ante o alto índice de sinistralidade que existe nas estradas da comarca do Salnés. Dende ás 11 e media da noite ata as 5 e media da madrugada, sairán tódolos sábados dous autobuses dende a Praza de O Campo ata Cambados, Sanxenxo e Portonovo. Será ata que remate o ano e o concello poida volver a solicita-lo servizo á Xunta.
Outra liña tamén demandada e da que carece o municipio é un transporte público directo que una A Illa co Hospital Comarcal de O Salnés. Dende o grupo de goberno aseguran que están a traballar na posta en marcha de un autobús que comunique ós seus veciños co hospital. Un servizo co que xa contan os municipios veciños de Vilanova e Cambados.
Redacción Salnés










