Rapaces da Illa aprenden normas básicas para sobrevivir en plena natureza

A ILLA> Os nenos da Illa de Arousa están máis preparados cá nunca para sobrevivir no bosque. E non o dicimos nós, senón que o demostraron esta mañá nunha actividade de supervivencia na que participaron máis dun cento de rapaces.

Divididos por idades, máis dun cento de rapaces participaron durante esta xornada nunha actividade na que aprenderon as normas elementais para poder sobrevivir en plena natureza. Ademais de relacionarse co medio, os nenos sometéronse a diversas probas de axilidade, orientación e mesmo de construción dunha pequena construción onde poder pasa-la noite.

A actividade busca tamén que os máis pequenos tomen contacto coa natureza que os rodea dende ben cativos. A idea é ensinarlles que para beneficiarse de todo o que ofrece a nosa contorna non é preciso danala, senón que se debe facer un aproveitamento sostible dos seus recursos. Partindo desta premisa, nas probas que foron desenvolvendo ó longo de hoxe recorreron en varias ocasións a algúns elementos, como pólas das árbores ou cunchas, para sacar adiante as probas que tiñan que ir superando. Sen dúbida, unha lección moi valiosa para estes aventureiros.

Hoxe desenvolveuse aquí, en Secada, a primeira das xornadas desta aventura de supervivencia organizada pola Fundación Deportiva Municipal da Illa na que participaron alumnos de primaria. Mañá será á quenda para os grupos de infantil.