Sanidade propón un novo centro de saúde en Sobradelo

    sanidade_vilagarcia100.jpgVILAGARCÍA> A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, propúxolle á alcaldesa varias posibilidades para mellorar os servizos sanitarios de Vilagarcía.

    Unha das opcións sería a ampliación do centro de saúde de San Roque para convertelo nun macro centro asistencial. Sen embargo, a Xunta entende que isto traería consigo a concentración de pacientes e tampouco garantiría o principio de accesibilidade a todos os residentes das parroquias.

    Outra alternativa barallada polo Sergas é a de construír un novo edificio no porto da cidade. A conselleira manifestou a Dolores García a firme vontade da Xunta de colaborar na realización da tramitación necesaria para a segregación e posterior cesión dos terreos da Autoridade Portuaria. Segundo informa a consellería, agora está pendente o inicio de tramitación da proposta de cesión no consello de administración e requirirá a cesión do Goberno central.

    A última das posibilidades que está a estudar a Xunta é a construción dun novo centro de saúde situado nun entorno máis interurbano, para o que se trataría de facilitar os desprazamentos á poboación. Sanidade propón situalo en Vilaxoán, na urbanización do actual consultorio periférico, por ser unha localidade cun elevado índice demográfico e porque a través del podería complementarse de maneira axeitada o centro de San Roque.

    Pilar Farjas pediulle á alcaldesa que no PXOM se faga explícita unha reserva de solo de uso asistencial no entorno do actual centro de saúde de Vilaxoán. A conselleira tamén solicitou a colaboración do Concello para resolver as dificultades de aparcamento no entorno centro de saúde de San Roque e no entorno do hospital do Salnés.

    MELLOR NA COMANDANCIA

    Destas opcións de Sanidade, o goberno local de Vilagarcía segue a defender a antiga Comandancia de Mariña como a mellor solución para a construír o novo centro de saúde, e así o demandará nunha moción no vindeiro pleno. Destaca que esta parcela está directamente conectada mediante transporte público interurbano, e que ten nas súas inmediacións dous párkings privados e un público.

    Por iso, a alcaldesa se ofreceu á conselleira a traballar conxuntamente para resolver calquera trámite administrativo e acelerar ó máximo a cesión total do edificio por parte de Portos do Estado. O Concello lembra que existe xa un protocolo de cesión para ese fin asinado pola Autoridade Portuaria, o Concello e a propia Consellería de Sanidade.

    A proposta da Xunta de facer o novo centro en Sobradelo é, segundo o Concello, unha escusa para pechar o consultorio de Vilaxoán e facer tempo. O goberno local lembra que non dispoñen de terreos nesa zona e non cre que a solución sexa esperar á revisión do PXOM.

    Redacción Salnés