Opositores á variante de Noia sufren agresións nas súas propiedades

actosvandalicos_100_191107.jpgNOIA > Membros da plataforma en contra da variante interior de Noia, e incluso as persoas que só apoian as súas reivindicacións, comezan a sentirse asustados.

Desde hai sete meses veñen sufrindo nas súas propiedades privadas actos vandálicos, que ó principio crían illados, pero que agora aseguran que están relacionados coa súa oposición á variante interior.

O último destes actos produciuse o sábado, cando unha ou varias persoas colleron dous palés de madeira en Argalo, que os veciños usaban para anunciar os futuros actos da plataforma, xunto cunha pancarta, tamén en contra da infraestructura, e queimaron todo en fronte do portal da casa de Dolores Arnejo.

O susto foi ben grande cando ás sete da mañá se levantaron e se atoparon cos restos do lume, pois aínda que nesta casa de Argalo se opoñen á variante, non son membros da plataforma.

A estes estragos hai que sumar raiaduras nos coches de catro membros da plataforma, a queima do tractor de Antonio Lado, que se usaba para encabezar as manifestacións motorizadas da plataforma, rodas de automóbiles fendidas e unha perruca no tubo de escape do coche de Ramón López.

Intereses creados

Ante estas reiteradas agresións, desde a plataforma contra a variante interior de Noia están convencidos de que alguén debe ter intereses creados coa opción preferente da variante interior, pois se non non se comprenden estes ataques contra os seus opositores.

Todas as agresións contra as propiedades privadas foron denunciadas perante a Garda Civil e esta última ten aínda a investigación aberta, pero desde a plataforma desta vez van dar un paso máis e presentar unha denuncia diante da subdelegación do goberno por un acto que consideran "de terrorismo".

Os membros da plataforma agardan que as autoridades diluciden quen son os culpables ou que polo menos lles sirva de advertencia esta denuncia para que non o volvan facer. E aseveran que seguirán manifestándose, pois teñen que ser respectados e non poden quitarlles as súas liberdades individuais e colectivas.

{flowplayer}barbanza/actosvandalicos.flv{/flowplayer}

 Redacción Barbanza