O PP rexeita cede-los terreos a Vicepresidencia para a galescola

    plenoextraordinariopobra_221107.jpgPOBRA > A corporación pobresa celebrou un pleno a petición do BNG para debati-la cesión de terreos a Vicepresidencia para a galescola.

    Finalmente, a proposta dos nacionalistas non saíu adiante pola oposición dos concelleiros do Partido Popular.

    Nada máis comezar a sesión, os grupos da oposición puxeron de manifesto o seu malestar ante o feito de que o alcalde se negase a convoca-lo pleno e que, finalmente, tivera que ser o secretario municipal o encargado de facelo, de acordo co prazo legal establecido.

    O único punto a tratar era a cesión de terreos a Vicepresidencia para a construción dunha galescola na Pobra. O BNG argumentou a necesidade de contar con este servizo canto antes debido ó repunte da natalidade na Pobra, que na actualidade é o único concello da comarca que non conta con este servizo.

    Reserva de terreos

    A pesar de que nesta sesión soamente se trataba de consensuar a cesión dos terreos, sen concretar aínda a ubicación, os representantes socialistas insistiron na necesidade de poñer a disposición do organismo autonómico unha parcela ampla, con bos accesos e con toda a dotación necesaria para acoller un servizo como a gardería infantil. Así mesmo, reprocharon ó executivo non ter asumida a resrva de espazos de dotación pública no recentemente aporbado PXOM.

    O Partido Popular non aproveitou os seus turnos de intervención para respostar ás críticas posto que rexeitou entrar a debate. Sí o fixo para explica-lo sentido da súa votación. O portavoz popular indicou que o alcalde tiña solicitada unha entrevista coa secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, para o pasado 8 de novembro, que foi anulada polo departamento autonómico sen fixar unha nova data para o encontro. Os populares decidiron entón votar en contra da cesión dos terreos ata non ter coñecemento do proxecto proposto por Vicepresidencia.

    A voceira nacionalista, Rosana Pérez, a quen se lle negou a posibilidade de réplica, manifestou ó remate do pleno o seu desacordo coa decisión do executivo que calificou de ‘berrinche’. Pérez Fernández instou ó alcalde a xestionar a consecución de mellores servizos para os cidadáns do concello en lugar de paralizar proxectos por motivos políticos.

    {flowplayer}barbanza/plenoextraordinariopobra.flv{/flowplayer}

    Redacción Barbanza