O BNG esixe a paralización das obras de recheo na saída da autovía

    recheotomada_100_291107.jpgPOBRA > Uns recheos paralelos á saída da autovía do Barbanza no polígono da Tomada seguen a ser motivo de confrontación entre goberno e oposición.

    Se o PSOE pobrés xa denunciara en varias ocasións estas obras de recheo e desvío do Río Morto, desta quenda foi o BNG o que solicita a paralización das obras, tamén despois de denuncialo en reiteradas ocasións.

    Segundo os responsables municipais do BNG pobrés, cando se comezara con estas obras de recheo, pensaban que obedecían ás obras para a construcción da saída da autovía. Agora din que xa se ve claramente que non é así, pois os recheos se están facendo a ambos lados da nova saída da autovía. Manel Casal e Rosana Pérez afirmaron que estas obras se atopan nunha situación irregular, sen licenzas, polo que solicitaban a súa paralización. Casal Sabín deu a entender que estas obras responden máis a intereses privados que públicos.

    Incumprimento da legalidade

    Os concelleiros nacionalistas xa se puxeron en contacto con Augas de Galicia e coa Consellería de Política Territorial e mesmo plantexaron unha iniciativa parlamentaria sobre este tema. A obra, segundo os frentistas, non cumple con toda a legalidade, pois en máis dunha ocasión se lles contestou que a obra non ten licenza de ningún tipo para ser levada a cabo, nin para o recheo nin para o desvío do Río Morto.

    De feito, ata a comunicación telefónica desta mañá por parte do alcalde na que lles informaba da existencia da autorización de Augas de Galicia para as obras, esta era a única información que manexaban. Rosana Pérez asegurou que os planos consultados non se axustan a estas obras, polo que cre que gran parte da actuación se segue realizando de xeito irregular.

    Segundo Pérez a obra tiña que ser paralizada cando os responsables municipais advirtiron que non posuía todas as licenzas en regra. Como, segundo eles, o concello non se preocupou destas obras, eles solicitan igualmente a súa paralización e a apertura de expedientes informativos á promotora das mesmas e restaurar así a legalidade urbanística.

    Licenzas en regra

    Pola súa banda, o rexedor pobrés, Isaac Maceiras, convocou ós medios de comunicación para aclarar que estas obras que se están executando na Tomada teñen todas as licenzas en regra. Maceiras engadiu que non é o concello que ten que dar as licenzas ó tratarse dunha actuación supramunicipal, senón a Xunta de Galicia.

    O informe presentado polo alcalde recolle que todas as obras que se están levando a cabo nesta zona, o recheo parcial, o desvío do Río Morto e a drenaxe transversal, contan coa autorización de Augas de Galicia.

    {flowplayer}barbanza/recheotomada.flv{/flowplayer}

    Redacción Barbanza