O PSOE critica a escaseza de inversións contempladas nos orzamentos municipais

    POBRA > A Agrupación Local do PSOE da Pobra amosou o seu desacordo cos orzamentos presentados polo equipo de goberno para o 2006. Os socialistas consideran que a inversión real supón soamente entre o oito e o dez por cento do total orzamentado. Así mesmo, non comparten a idea do executivo de salda-la débeda do concello de cara ó vindeiro exercicio presupostario xa que, segundo os socialistas, o goberno acumula moitas débedas non rexistradas na contabilidade do concello.

    O PSOE critica o feito de que o alcalde, Isaac Maceiras, presuma dun investimento real próximo ó millón seiscentos mil euros xa que preto de 900 mil euros desas inversións proveñen das subvencións da Xunta de Galicia. Deste xeito, a aportación municipal reduciríase ó medio millón de euros, partida que supón unicamente entre o oito e o dez por cento do total.

    Os socialistas comparan esta escaseza nas inversións co importante gasto en persoal do concello que se eleva ata a cifra de dous millóns 400 mil euros, que consideran desproporcionada.

    O PSOE tampouco está de acordo coas afirmacións do alcalde nas que fala do saneamento integral do concello. Os socialistas consideran que tan só o 30 por cento do concello conta cos servizos de abastecemento e sumidoiros en bo funcionamento.

    Dende a Agrupación Local considérase que o concello non ten capital e segue a acumular supostas débedas que non figuran no rexistro contable.

    A falla de investimentos déixase notar principalmente no rural onde, segundo os socialistas, existe unha enorme descompensación en relación ó casco urbano. Segundo o secretario xeral, o alcalde debería ter máis en conta a opinión dos veciños na elaboración dos orzamentos para así coñecer as necesidades reais de inversión.

    Redacción Barbanza